Para calquera galego que ande ao redor dos 30 anos, dicir Xabarín Club é asociar tardes de merenda fronte ao televisor, bólas de dragón e música a todo volume para cantar ben alto. E uns cantos anos despois, dous daqueles rapaces que vían a tele apampados poden dicir que fan parte da familia do club máis famoso de toda a televisión un chisco máis grazas á edición especial de calcetíns creada para gritar ben alto “Oink, oink!”.
Lembramos perfectamente a sintonía de comezo do programa con ese marabilloso: “Por fociños, por cacheiras!”.
E a do final, con aquel: “Xa vai sendo hora de ir para a casa, carolo en mates, a ver quen lle conta”.
Ou a mitiquísima letra de Bólas de Dragón que todos cantábamos deixando a gorxa e case berrando; a de Capitán Planeta, ou a de Shin Chan! Son tantas!
Cremos que o que fixo o Xabarín Club pola normalización lingüística do galego entre a nosa xeración deulle mil voltas a calquera plan institucional e a non poucos libros de texto. E tamén influíu nos nosos gustos musicais actuais, porque naqueles anos comezamos a gozar do rock e das letras con xeito. De feito, lembramos unha entrevista cos membros do grupo Novedades Carminha na que dicían que os seus primeiros contactos coa música foran os videoclips do Xabarín.
Víctor Coyote, Os Diplomáticos, Aerolíneas Federales, O caimán do río Tea… Anda que non lembramos nós tamén perfectamente aqueles videoclips cheos de chroma, cores e moitas risas! As nosas cancións preferidas: Estou na lavadora, Carminha Vacaloura e a Oda ao futbolín. Seguro que vós tamén as sabedes de memoria!
Así que, con toda esta unión sentimental tan forte non sabedes a ilusión e o orgullo que é poder ensinarvos esta pequena colaboración que fixemos co programa da Televisión de Galicia.
Xunto ao Xabarín Club deseñamos dous modelos de calcetíns en que se amosa toda a esencia do club. O porco bravo máis famoso da televisión nun modelo con base de algodón negro e contraste cunha potente cor laranxa. O outro modelo leva un gris que contrasta co vibrante vermello do logotipo do programa.
Estes calcetíns serán o agasallo que os socios do club recibirán se participaron no concurso desta tempada. Dicir que estamos ansiosos de que os nenos e nenas gañadores reciban este bonito agasallo para que así se poida ver moitos #pésquentiños cheos do Xabarín Club é dicir pouco.
O mesmo que nós temos unha lembranza inesquecible das tardes de xogos e diversión que pasamos fronte á televisión, será un pracer absoluto que os nenos de 2019 lembren con cariño no futuro eses calcetíns tan chulísimos con que os agasallou o seu club favorito.
Moitísimas grazas á Televisión de Galicia, e, en especial, a todo o equipo do Xabarín Club pola súa paciencia e por contar con nós para este detalle cos seus queridos socios.