O 17 de maio de 2022, o Día das Letras Galegas, está adicado a Florencio Delgado Gurriarán: escritor, poeta e figura clave no exilio galego en México. Dende SomosOcéano queremos lembrar a súa figura e poñer en valor a importancia do noso idioma, das nosas raíces e a toda a militancia galega no exilio durante a dictadura franquista.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu na aldea de Córgomo, provincia de Ourense case mesmo no comezo do século XX, en 1093. A pesares de que viviu moitos anos da súa nenez lonxe da vila ourensá a súa familia, vinculada ao traballo na terra xa que o seu pai era perito agrónomo, inculcoulle o amor polo medio rural e pola lingua galega.
É curioso comprobar como Florencio expresa a súa sorpresa cando descobre na casa familiar en Valladolid un exemplar da revista A nosa Terra: “Eu era un galeguista por libre, pensaba que non había no mundo máis galeguistas. Non sabía que tiñamos unha bandeira, un himno e que había publicacións espalladoras desas ideas. Un bon día a fins do ano 20, o meu pai trouxo da casa dun afiador un número de A Nosa Terra que inda hoxe conservo. Para min aquilo foi a revelación de que eu non era un Robinsón do galeguismo” Recén rematada a carreira de Dereito volta a Galicia, a Valdeorras, para mergullarse na vida política e cultural da vila e métese de cheo na fundación do Partido Galeguista e nas primeiras eleccións da II República.
Durante estes anos recibiu en Valdeorras a figuras ilustres como Ramón Otero Pedrayo ou Alexandre Bóveda e foi un impulsor e dinamizador da vida cultural da vila.
Nos seus primeiros traballos publicados como poeta asinaba co seudónimo de Corgomófilo.
Precisamente vivindo en Valdeorras foi onde o colleu o golpe de estado militar de 1936. Antagónicamente o seu irmán, Lucio, era o xefe dos falanxistas de Córgomo e grazas a el conseguiu trazar un plan de fuga xa que a represión na zona foi moi forte. Primeiro escapou hacia Porto e dende a cidade portuguesa ata Burdeos en Francia. Unha vez establecido no país galo decidiu voltar a España, a Barcelona, para axudar ao Goberno da República. A victoria do dictador Francisco Franco colleuno en Francia e dende alí pudo axudar a moitos compañeiros exiliados a viaxar ata o outro lado do Atlántico: xunto a Florencio Delgado, 998 refuxiados políticos botáronse á mar a bordo do Ipanema con destino México.
Florencio Delgado instalouse na cidade de Veracruz e o que pensaba que ía ser un tempo fóra de Galicia tornouse en toda unha vida. Casou cunha filla de emigrantes galegos, Celia, e atopou traballo nunha farmacéutica que non abandonou ata que se xubilou. Ocupou gran parte da súa vida a tecer unha rede cultural e social no país mexicano.
A finais dos anos sesenta organiza unha viaxe a Galicia onde volta a Valdeorras e retoma o contacto con galeguistas que seguían vivindo no país. No ano 1976 volta coa súa muller para amosarlle a súa terra e coa idea na cabeza de quedarse a vivir definitivamente en Galicia pois xa estaba xubilado. Ademáis traía debaixo do brazo varias obras literarias có obxectivo de publicalas pero a situación política e social ainda non era a ideal para a lingua galega.
No ano 1981 voltou a Galicia e foi nomeado membro non numerario da Real Academia Galega e dunha institución, o Instituto de Estudos Valdeorrenses, que levaba no corazón desde mozo. Regresou a México e nunha visita a unha das súas fillas en California, Estados Unidos, no ano 1987 morreu por problemas co seu corazón. Meses despois as súas cinzas foron espalladas por Córgomo.
A súa obra literaria comezou de moi neno con pequenas coplas e rimas escritas en papeis que el mesmo, xa de vello, gardou nunha simple carpeta baixo o título de “Trangalladas de meniño. Parvadas”. Cando xa de máis mozo o mundo da literatura chamou a súa porta, as súas obras remítennos a súa nenez na aldea inspirándose sobre todo nas árbores de Córgomo, as foliadas, o vento, a vendimia… moitos destes primeiros bosquexos aparecerán publicados na obra “Bebedeira” do ano 1934. Na súa época máis madura a súa obra tórnase máis política coma o “Cancioneiro da Loita Galega“, do ano 1943. Máis adiante publicaría “Poesía inglesa e francesa vertida ao galego”, 1949, “Galicia infinda” que é unha escolma de 43 poemas no ano 1963, “Cantarenas” 1981, e finalmente “O soño do guieiro” 1986 no que homenaxea ao seu amigo Castelao.
Recursos utilizados para a redacción deste post: